Filmes, canallas, palestinos e destinos (6/7/07)

A MELLOR PELÍCULA NORTEAMERICANA seguramente que a fixo un ruso. Andrei Konchalovsky non só fixo esa Siberiada con tanto cariño senón que deu The runaway train (El tren del infierno), a máis lírica expresión da dramática épica da desesperación.

Sempre nos ven mellor os que veñen de fóra, eles traspasan a nosa imaxe e ven no noso corazón.

NON BASTA O TALENTO EXPRESIVO, aí están Leni Riefens- tahl ou Tarantino, o produtor de Hostel. Un imbécil pode ser quen de representar con talento calquera canallada, pois sempre houbo quen servise aos desexos máis miserabeis.

NON SEI SE A ARTE DEBE SER MORAL ou amoral. Mais probabelmente non poida ser inmoral. (Ou non deba?) En todo caso,

UNHA ARTE QUE DESHUMANICE non está completa, está mancada.

HAI QUEN DI QUE DEFENDE A ISRAEL, de quen? Dos palestinos encerrados nun gueto, apartheid? Que nome ten o roubo das casas e a terra, a auga, a destrucción dun pobo?

É CERTO QUE NO IRÁN o presidente do Goberno ameaza cun arma que aínda non ten ao Estado israelí, que si ten bomba atómica e todo o armamento fornecido por Estados Unidos.

É certo que ese barallán badúa e bate no peito, ante iso só cabe o rexeitamento. Mais que Israel se vista de vítima é totalmente obsceno. Como tamén é obsceno que o mundo contemple a destrucción dos palestinos, a destrucción das vidas de cada vello, vella, home, muller, neno, nena encerrado en eses acampamentos de refuxiados...

LONXE DO MEU PAÍS, noutro huso horario, decátome de que non existe a "actualidade", pois aquí as noticias de aló apenas chegan: a actualidade é outra distinta. Así que iso que nos envolve, e nos atordoa, ese ruído que vén de fóra ten tanto de "actualidade" como de "localidade", máis que ver co tempo actual ten a ver co lugar actual.

AI, IR HOXE A AMÉRICA XA NON LLES É IR A AMÉRICA, non é o que foi. Son uns euros e mais unhas horas de avión. Máis nada.

Que de contado vai desaparecendo das nosas vidas todo dramatismo. Non hai decisións dramáticas, ou sequera grandes. Axiña desaparecerá o destino (Ou xa desapareceu hai tempo? Foi coa entrada na Unión Europea? Antes? Logo de que Franco afusilase aos últimos? Cando sería?)

Estranxeiros, sacauntos, barbas (22/6/07)

SER ESTRANXEIRO. A un pódeselle aparecer o desexo de ser estranxeiro. A todo país, a todos, a todo. Estranxeiro sen máis.

A IDENTIDADE PERSOAL HOXE é volúbel, lábil, mutante. En tránsito. Vivimos cambiando de máscara sucesiva e constantemente (E que ou quen hai tras a última máscara?).

ESA MULLER que coida no fillo con síndrome de Down, neno que ha medrar e ser home. Iso sí que é coñecer o que é a vida. En comparanza, as nosas queixas por tanta inxustiza e tanta andrómena e máis non sei canta opresión e todo iso son parvadas.

NA PARAXE DO BUS conversan unha avoa e máis unha nai. Agardan que chegue a crianza no bus escolar. A nai relátalle, en castelán, á avoa o rapto de meniños. A avoa pregúntalle, en galego, "ai, e para que quererán esas criaturas?" A filla contesta, "para tráfico de órganos, para abusar de ellos..." (Hai pena e susto na avoa. No relato da nai hai indiferencia. Se non compracencia. É ben curioso.)

O MUNDO NON CAMBIA TANTO, a humanidade cóntase a si mesma desde sempre contos de meniños perdidos: Carapuchiña vermella, o Frautista de Hamelin, Hansel e Gretel (se mo permiten, A Sombra cazadora)...
MAIS OS CONTOS SON CERTOS...

O INTELIXENTE QUE É O BORGES. Un esquéceo ás veces, non podemos lembrar todo todo o tempo (Ai, agora que lembro, precisamente iso é o que conta un conto do Borges. Esquecérao xa. E é que non podemos lembrar todo todo o tempo. Ai, esquecera que isto xa o dixera. En fin, deixémolo estar e voltemos co Borges).

E ESCRIBÍN QUE BORGES "É" LISTO e non que "era" listo, e iso que morreu. Escribín ben? Depende. Morrer, el morreu; iso xa non depende. Agora que cando dicimos dun autor morto realmente dicimos da obra, e así Borges "é", segue a ser, intelixente. Tanto como o é a súa obra. Ollen se non:

"ES COMO ESTAR AFEITADO O NO ESTAR AFEITADO, ¿NO? Cuando uno no está afeitado se siente como una especie de vagabundo. La persona afeitada ya puede aspirar al honor, al decoro, quizás a la inteligencia también..." (El palabrista. Borges visto y oído. Esteban Peicovich. Editorial Marea. Buenos Aires).

Con esa trivialidade aparente, vaites coa síntese de sicoloxía, ética e estética.

O QUE OCORRE É que ás veces temos días vagabundos e ás veces temos días decorosos. Para min que escribo esta garrafiña en día vagabundo e sen barbear (as columnas do domingo coido que barbeado).

Botella atlántica (8/6/07)

URUGUAY, ARXENTINA...: Non sabía que podía haber alí un cacho de min. Achei alí non só mortos e vivos meus, tamén o rostro da Galiza derrotada. Sabíao, mais non se saben as cousas de vez até que non se está na súa presenza.

HAI TANTA EMOCIÓN ALÍ. Enerxía humana feita sentimentos e que dá voltas sobre sí propia, non ten para onde dirixirse.

A GALIZA DERROTADA, sí. Mais tamén a máis libre. Houbo un momento no que a historia deste país esgallouse, dividiuse en dous camiños que correron paralelos.

Até que un deles, foi estiñando e morrendo.

NON SABEREMOS A HISTORIA DO NOSO PAÍS, o que fomos, o que perdemos sen coñecer o traballo da xente que escapou, marchou. Se descoñecemos quen foi a nosa xente máis libre: Carlos e Pepe Velo, Gaos, Lorenzo Varela, Blanco Amor, Seoane, Cuadrado...

SE XUNTAMOS O CACHO DE NÓS que ficou aquí, na terra, co que foi parar aló, se déramos xuntado as dúas partes teriamos un país ben xeitoso.

Mais non.

CON TODO, E LOGO QUEN É ESTÁ ENTEIRO, SEN PARTIR? Hoxe, ninguén. Todos andamos partidos, escarranchados entre o lugar de onde vimos e o lugar cara onde imos, onde estamos.

CASE TODOS SOMOS TRAIDORES AO NOSO PASADO. Iso é, a nós propios.

SÓ 'HITMAN', O HEROE DUN VIDEOXOGO, LOITA POR SER. Hitman é un clon, hai outros cen como el e decide eliminar ao resto, matalos para poder ser el e ser un. Hitman, un clon, é, na fin das cousas, o home máis leal ao humano.

TAMÉN O ARTISTA ASPIRA A SER. Ante a dúbida de se existe ou non, decide transformarse nunha personaxe dunha historia para ser. A vida de artista é unha aventura, entre a covardía e a valentía do artista, para vivir un camiño heroico.

Nese camiño todo ten sentido, as valentías e as covardías.

O SUICIDIO DO ARTISTA non é cousa da súa vida persoal. Ese acto final é parte dun proxecto artístico. O proxecto artístico é unha vida de artista. E a vida de artista, un espectáculo ante o público, ante a súa comunidade ritual. Na vida dun artista todo é significativo, tanto ten que lle vexamos nós sentido ou non.

"¿QUÉ SERAFÍN DE LLAMAS BUSCO Y SOY?", recita o Lorenzo Varela a Federico García Lorca (Edicións Fundación Luis Seoane/Cadena Ser)

Fotos, académicos e borrachos (25/5/07)

OUTRA VEZ ESE QUE SAE NAS FOTOS que me quitan. Quen será realmente? Primeiro pensei se sería un extraño, aínda que se se miraba ben tiña certo parecido comigo; con todo era claro que non era eu, era un impostor. Nin sequera sei ben se é un ou varios. Mais agora vou vendo que tamén el cambia, vese que tamén se vai facendo vello. Debe haber algún parentesco. Ou paralelismo. E que quererá de min? Ás veces un gaña medo.

O 'FLASH', mata os fantasmas. Haino que prohibir.

A REALIDADE está moi sobrevalorada, pensa o soñador.

OS INIMIGOS DA MÚSICA RELIXIOSA non son os ateos, son os curas e as monxas. Quen estudou en colexio relixioso logo non quere saber máis de sacristías. E non atura a música relixiosa: anoxan a Bach.

DOUS ACADÉMICOS DA RAE disparan con bala. Volven contra as linguas pequenas. Nada máis teñen dereito a exisitiren eles, que a teñen grande. Son uns machotes os dous.

DE QUE ESTÁN A FALAR? Non existen as linguas realmente, nunca vin unha diante, non sei onde para lingua ningunha: só existen persoas que falan as linguas.

QUE PRETENDEN? Que desaparezamos. E por que? Porque son ruíns e malas persoas. Tamén se lles chama colonialistas e fascistas, que aquí levan "franquista" de apelido. Non lles é outra cousa, non é debate filolóxico nin sociolóxico, élles pura mala idea.

E FRAUTISTA QUE PIDE ESMOLA: toca ben mal. Nada máis sabe tocar a música de Pippi Calzaslargas, unha cantiga infantil. Faime pensar que antes de ser ese homiño que toca por ver que fai algo, foi un meniño. Agora é un meniño esmoleiro no corpo dun home acabadiño.

PRESUMEN DE NON RESPETAR LÍMITE DE VELOCIDADE E DE BEBER os dirixentes do PP, Aznar, Sanz... Vai haber que facerlles o control da bebida antes de que falen en público.

BRASAI, O FOTÓGRAFO XA VELLO: pregúntanlle que é o que máis lle prestou na vida e contesta: "As mulleres". Chámalle burro. O que sorprende é a naturalidade con que o di, hai que ser vello para poder falar como un rapaz.

O DEVALAR DA TARDE na páxina dun libro, qué de contado deixamos de ver ben as letras. Qué lixeira marcha a claridade. E que lizgairo é ese marchar, tan delicado. Simplemente deixou de pousarse no papel. A tarde foise sen darlle tempo á tardiña. É noite.

Viololonchelos e kamikazes (4/5/07)

MORREU O ROSTROPOVICH, grande artista e home libre.

TAMÉN MORREU O PAU CASALS. El non tivo aquí quen cantase a súa morte, non houbo páxinas para aquel artista digno e libre. Ulo o ..........?

AS SUITES PARA CHELO DO BACH debémosllas a el, rescatounas da desaparición. Un exemplo de resistencia ao fascismo español tamén.

E falando do fascismo que

BOMBARDEOU GERNIKA, ensaio de guerra total. Foi Richstofen quen mandou a división Cóndor que arrasou a cidade símbolo dos vascos, e foi tamén el quen logo arrasou Stalingrado. Hai unha liña dura e dereita da maldade. Tamén da bondade e da poesía

CELAN E VALLEJO cantaron ás cinzas. Celan, ás da súa xente devorada polo forno nazi, Vallejo aos cascallos do Durango bombardeados polos fascistas. Fixeron poesía fúnebre ao que xa non era.

"SER OU NON SER" escribía Otero Pedraio xa no 1929 (Teoría de Galicia, Editorial Alvarellos). No canto da destrucción en Auschwitz, Gernika ou Durango, Otero sinte a ansiedade do intelectual comprometido co seu país. Otero apostou porque fose, aínda que coido que temía que non había de ser.

SEXA, FIAT, é pola contra a marca do carro que se anuncia estes días cunha delicada canción da Gianna Nanini, Meravigliosa creatura. Que lindo e máis que pavero é o toscano, italiano. É unha lingua luxosa, educa o ouvido no exquisito. E a música fai ximnasia coas nosas emocións pois

SOMOS UN MILAGRE NEUROLÓXICO, somos neuroloxía e a alma vai gardada na caixa da cabeza.

ALMAS DESMANDADAS son as que teñen os artistas.

KAMIKAZES MANIFESTOS, que redactan manifestos kamikazes. Por que? Porque nos aprenderon a

TER AMIGOS EN TODAS PARTES, mesmo no inferno, e o artista debe ter

INIMIGOS EN TODAS PARTES, mesmo no ceo. O artista debe ser

POLISÓN, CLANDESTINO camuflado entre a pasaxe e a tripulación. Condenado a ser sempre polisón de todas as viaxes. Sospeitoso compañeiro de viaxe.

NON TIÑA CON QUEN FALAR, así que foi e comprou un teléfono móbil. Agora non para.

ETIQUETA DE CALIDADE para un bar que, ademais de non ter fume, non teña televisión nin fío musical.

ANDAN A APARECER PANTASMAS. Máis a cada vez. Non sei como é que nos últimos anos saen nas conversas máis persoas que xa non viven. E será un aviso de algo?

Pantallas, sangue e viño (20/4/07)

OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN: aí está na pantalla, co conto do atentado islamista de Atocha (que non da ETA, Acebes), un plano detallado dunha bomba. Así aprendemos calquera a fabricalas. Logo tripas e sangue dunha operación. Logo uns meniños mortos, unhas mulleres forzadas... Sucédense unhas cousas tras das outras sen continuidade, sen argumento. Non ten sentido. Ou ten o sentido do caos. Mostran calquera cousa, móstrano todo. O seu ollo voraz non ten límite.

MAIS OS MEDIOS NON SON INMORAIS, moito peor: son amorais.

E OS MEDIOS SON O NOSO MUNDO. É o mundo que temos, é o que hai. Un mundo cos seus habitantes nun lado e noutro da pantalla. Aquí, nós, e no outro eses fantasmas.

E AÍ ESTÁN NA PANTALLA, ACTORES, ACTRICES, ollados pola cámara. Polo ollo único do monstro Polifemo, pola ollada mineral da Gorgona que inmobiliza as figuras para sempre. Aí os están, aí as están iluminadas, vestidas, maquilladas, a axir e a dicir palabras que non eran súas antes de dicilas ... Resplandecen na pantalla, brillan como aparicións. Como fantasmas. (É natural que os actores logo, de volta na vida, desexen voltar ao mundo da pantalla fantasmal, alí sempre resplandecen).

TAMÉN NA PANTALLA VÍSCERAS, SANGUE, dalgunha operación, tantas series televisivas de cirurxiáns e forenses. C.S.I, House, Nick/Tup ..., son o barroco contemporáneo. O que foi o Caravaggio no seu tempo: violencia e corpos, carne. Bizarrías (que nos atraen secretamente).

E VAI DE LATÍN: Aquae potoribus, bebedor de auga, dicían os latinos a quen non tiña o don de falar ben. O viño ten un demo dentro, un daimon que turra polas palabras. Aínda que ás veces tatexadas. Ese trasno chama por elas: Vinum veritas est. O viño tinto fainos unha miga graves; o branco, brillantes e elocuentes. Hai que alternar, a modo. Ainda que de vagariño, albariño.

CANDO O RIBEIRO É RIBEIRO é espléndido. Ningún branco se lle compara. (E contei algunha vez que na adega do Titanic descansan garrafas de viño albariño e ribeiro? Neptuno ás veces anda peneque.)

MORRE XENTE NO IRAK, xente miúda case toda. E o Bush e a súa camada política non irán presos, non. O castigo había ser soltalos nas rúas de Bagdad, que a xente improvisase. Había ser cruel. Tamén son crueis os seus merecementos.(E que fai o Aznar? Aínda é quen a abrir a boca? Ladra por algún curruncho?)

Cirurxía, música e vómito (30/3/07)

"CASE TIVEN QUE MORRER PARA COMPRENDER que envellecer non é un castigo, senón un privilexio", di unha personaxe dunha teleserie, por aí pasou un guionista intelixente.

PORQUE BEN MELLOR QUE A FILOSOFÍA é a experiencia. Nip/Tuck é unha serie común, aínda que do máis contemporánea pois trata de cirurxiáns plásticos.

CIRURXÍA PLÁSTICA, a resposta que damos á posibilidade de decidir quen queremos ser. Tamén a resposta á nosa carencia de identidade, á nosa falta de ser.

HAI CIRURXÍAS MODESTAS, case todos as facemos: peitear o cabelo para aquí ou para aló, facer a barba, depilar as pernas, pintar a cara... Modelamos o noso eu.

E SERÁ DISO QUE HAI TANTAS LOIRAS como hai e tan poucos loiros? Será enxeñería química ou será un enigma xenético? Tanto ten, o caso é andar contento, que lle preste a un (aínda que iso dependa precisamente de que lle preste aos demais).

A VIDA HUMANA SEMPRE FOI UN POUCO VIRTUAL, sempre lle puxemos un chisco de fantasía á tiranía xenética. É o mellor que temos, a imaxinación. Hoxe, abondamos na fantasía. Se cadra unha miguiña de máis.

A NOSA VIDA TRANSFÓRMASE NUN FILME ou nun videoclip. Mesmo lle temos banda sonora, cancións e músicas que son o fondo das nosas vidas.

A MÚSICA NA CABEZA, aquí está o MP3, e que ben soa o condenado.

3X2MP3: Nun paso de peóns a agardar, reparo en que de tres que agardan dous teñen as orelleiras da música. (De aquí a cen anos: todos xordos!).

SOA DISTINTA a música en cada cabeza, o máis seguro. Pois a cabeza é o instrumento que interpreta a música.

A CABEZA É A CAIXA DE RESONANCIA e tamén a fontenla da música, como se nos nacese dentro, abrollase.

MAIS, ESCOITANDO MÚSICA, VIVINDO SEMPRE NO RUÍDO, deixamos de ser. Esváese o ser.

O SER É NO SILENCIO, ou nos ruídos do mundo. Porque o ser non é civilizado. Mais quen somos? Ou mellor, que somos?

POIS VIN A FOTO DESE SEÑOR e comprendín que era eu. Ese señor que sae sempre nas miñas fotos.

RI, SEGUE A RIR. O señor Aznar que se sumou a unha guerra e agora di que, efectivamente, non había armas de destrución masiva no Irak como diciamos todos. "Me equivoqué, non lo sabía". E dío rindo. Escarállase do riso. Primeiro é palidecer oíndo e vendo iso e logo é cando vén o noxo. E o vómito.